



Case dúas décadas despois de que o grupo fixese a súa última actuación, o espectáculo Terra de soños brinda a oportunidade de desfrutar de Fuxan os Ventos tanto á xente que os coñece, lembra e hoxendía os ten aínda presentes como ás novas xeracións que, por veces sen seren conscientes do que significou o grupo para a música tradicional galega, herdaron cantos populares como A Carolina ou Sementeira, que xa forman parte do ouvido musical deste país. Fuxan os Ventos foi, nomeadamente, un grupo comprometido coa identidade de Galiza e cos atrancos que esta sociedade tivo que superar ao longo da súa historia recente. Foron, e son, un grupo que soubo, coas súas cantigas rescatadas do olvido dos tempos, chegar a todas as capas da sociedade e en galego, algo impensábel na metade da década dos setenta.
Co espectáculo Terra de soños, Fuxan os Ventos volverán subir ao palco na compaña dalgúns dos seus mellores amigos e ao tempo darán saída ao traballo discográfico homónimo, coa edición desta actuación en directo en formato digipack (CD, DVD e libriño). Na escenificación da estreitísima vinculación entre a canción popular galega e as novas formas de expresión do noso folk atópase o eixo que vertebra este Terra de soños: amáis das colaboracións dos máis destacados músicos do panorama galego actual como son Xabier Díaz, Guadi Galego, Uxía, Mercedes Peón, Pepe Ferreirós, Rodrigo Romaní ou Nova Galega de Danza, Fuxan os Ventos contará co acompañamento dunha banda dirixida por Xosé Lois Romero, artífice tamén dos arranxos instrumentais para este proxecto.
Con oito discos editados e una traxectoria de máis de trinta anos, Fuxan os Ventos xa traspasou fronteiras e xeracións. Porén, o recoñecemento e a posta en valor da súa achega á cultura galega contemporánea, dende una visión renovada e actualizada, é hoxe cando se presentan máis que necesarios.